FESTIVAL DOS SOÑADORES 2017 - Bases

PDI DE ESPECTADORES A PROTAGONISTAS

C.E.I.P. CANOSA-RUS (Coristanco)

Estas son as bases que rexerán a participación das curtas no Festival dos soñadores 2017, dentro do PDI De espectadores a protagonistas coordinado polo Equipo de Biblioteca do CEIP Canosa-Rus (Coristanco), que está adicado a coñecer e entender o cine.

1. PARTICIPANTES

Neste festival de cine poderán participar Centros educativos e alumnado da Etapa de Educación Infantil, Educación Primaria e 1o e 2o ESO, así como pais ou nais xunto cos seus fillos/as con idades nalgunha destas etapas educativas. O concurso estará aberto a todos os centros educativos e alumnado da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.INSCRICIÓN E PRAZOS

A inscrición é gratuíta.

O prazo para inscribirse e participar será do 24 de abril ata o 21 de maio de 2017. Para participar no Festival será necesario encher todos os apartados do formulario de inscrición, que estará no blogue da biblioteca “Leoteca en Rus” e no propio espazo do concurso “Festival dos Soñadores”.

O 25 de maio publicaranse os finalistas en ambos blogues e o 6 de xuño pola mañá será a entrega de premios aos gañadores de cada unha das categorías no Pazo da cultura de Carballo.

3.REQUISITOS DE ADMISIÓN

A curta terá que estar publicada nalgunha destas plataformas: Youtube ou Vimeo. Ademais estará realizada durante os dous últimos cursos (15/16 ou 16/17).

Toda as curtas terán que ter Licenza Creative Commons (CC).

A participación estará limitada a un máximo de 100 curtas.

A película preferentemente utilizará o idioma galego e preferirase que a duración non supere os 10 minutos, incluíndo os créditos.

Non está permitida a inclusión de bebidas alcohólicas, tabaco, drogas e ningún tipo de maltrato nos vídeos.

4.CATEGORÍAS

As categorías que recibirán premio na Gala do Festival serán as seguintes:

- Premio á mellor obra de Ficción: obras baseadas en textos de ficción.

- Premio á mellor Animación: Stop Motion, rotoscopia ou calquera tipo de animación.

- Premio ao mellor Documental.

- Premio ao mellor guión orixinal.

- Premio á mellor curta de secundaria.

Se non hai unha participación mínima de 10 curtas nalgunha das categorías o premio poderá quedar deserto.

5.XURADO E PREMIOS

O xurado estará composto polos nenos e nenas do C.E.I.P. Canosa Rus que formen parte do Equipo de Actividades de organización do Festival, que escollerán aos cinco finalistas de cada categoría.

Entre estes finalistas seleccionarase un gañador/a.

O premio será un trofeo deseñado polos nenos de Educación Infantil do centro.

6.ACEPTACIÓN DAS BASES

A inscrición no Festival dos soñadores implica a aceptación das normas contidas neste documento.

Estas bases están suxeitas a modificación.