OLLOBOI 2015

Descrición:

Benvidos á 6ª edición desta proposta que por repercusión e participación aspira a ser plataforma da canteira do audiovisual galego.

Tal vez vistes nas redes sociais pegadas da Rede Cómplice que nos está axudando a construír e difundir o proxecto. Queremos un Olloboi máis participativo, plural, comprometido, escolar e formativo. Así, teremos unha preselección de traballos máis democrática, interacción co tecido cultural local e unha visibilización maior grazas a persoeiros como Morris, Quique Otero, Sabela Arán, Miguel de Lira ou Touriñán, cómplices nosos desde o outro lado da pantalla. A nova plataforma Olloboi axudaranos no labor de visibilización e difusión dos traballos presentados (nesta ocasión, 150)

Outra das novidades deste ano é o Día Olloboi, xornada de convivio entre profesionais do audiovisual e todos os que o traballamos nas aulas. Un día no que aprender, compartir e disfrutar do cine. E coma sempre, unha entrega de premios amena na que todos e todas nos sintamos recoñecidos.

Para que poida asistir o maior número de persoas posible, participantes no concurso ou non, o Día Olloboi vaise celebrar un sábado: o 30 de maio en Boiro. Ás 13:00h recibiremos ós asistentes no Náutico de Cabo de Cruz, e manteremos un coloquio para compartir experiencias e debater sobre o audiovisual na escola. Tralo xantar asistiremos a un cinefórum moi particular: convertiremos os Asteleiros Triñanes nunha xenuina sala de cine, onde veremos os traballos Unary e Encallaos xunto ós seus directore (Luis Avilés e Alfonso Zarauza). Para rematar o día, faremos entrega dos premios Olloboi 2015 na Casa de Cultura da Cachada. O acto será amenizado musicalmente polo CPI de Dodro e presentado polos actores cómplices Federico Pérez e X.A. Touriñán.

A última das novidades é que nesta convocatoria contamos con máis patrocinio que nunca, o que nos permite ampliar os nosos premios: 10 categorías nas que recoñecer a fotografía máis coidada, a mellor música orixinal, as risas, o guión, o aprecio do público… e cadanseu trofeo exclusivo da creadora Susana Diz xunto a un dron con cámara integrada. Xa vedes: creatividade e futuro!

Queremos convidarvos a que compartades con nós ese día (participásedes ou non cun vídeo), e a que veñades sós ou acompañados (alumnado, familia), xa sexa desde o comezo ou unicamente á entrega de premios. Eso si, imos pedirvos un favor: co obxectivo de organizar o mellor posible o Día Olloboi 2015, se contades asisitir axudaríanos que respondésedes a este correo ou cumplimentárades o formulario adxunto. Simplemente precisamos saber se asistiredes a todas as actividades (xantar, proxección e entrega de premios) e se viredes sós ou con xente.

Non ocorre nada se improvisades e simplemente aparecedes o 30 de maio: será un pracer pola nosa parte.

Todos os concursos

Categorías de Premios

Premio Descrición
Zamburrioi Premio especial concedido pola Asociación Marearte.
Online Premio especial do público, elexirase por votación popular.
Universidade e Escolas Audiovisuais Categoría específica para estudantes universitarios e de escolas de Imaxe e Son. Nesta categoría poderanse incluir vídeos especiais aceptados pola organización.
Especial Embarcacións Tradicionais Financiado polo Encontro de Embarcacións Tradicionais.
Animado A mellor animación, stop motion, time lapse, etc.
Orixinal A mellor idea, a historia con mellor guión orixinal.
DJ O de mellor música orixinal, ou versionada, atmósfera sonora, efectos de son.
Fotoxénico O de mellor fotografía, o máis estético, o máis bonitiño.
Peleón O máis comprometido, crítico ou denunciante.
Cómico O máis divertido.

Voltar