OLLOBOI 2016 - Memoria

Premios Olloboi 2016

O pasado 28 de maio falláronse os premios Olloboi 2016 na gala celebrada na Casa da Cultura de Boiro, tras un longo día de encontros, aprendizaxe, risas, emocións e moita ilusión.
Despois dun novo récord de participación e con traballos que cada vez teñen máis calidade, non foi nada doado decidir os gañadores.
Olloboi é un festival que persegue recopilar, recoñecer, difundir e motivar para seguir traballando o audiovisual nas aulas con todo o que iso supón. Interésanos procurar encontros, unión e colaboración máis que competición.
Trala selección de finalistas feita pola organización, a elección dos gañadores da maioría de categorías corresponde ao xurado que nesta edición estivo composto polas actrices Sabela Arán e Sabela Hermida e o profesor e músico Fernando Abreu, todos eles recoñecidos profesionais que de xeito altruista levaron a cabo esta difícil tarefa.
Tras días de atento visionado e arduas deliberacións finalmente o veredicto concretouse durante o mesmo Encontro Olloboi, sen desvelar os traballos gañadores ata a mesma gala de entrega de premios. A continuación, os traballos premiados nesta edición 2016.

234 traballos participantes!!

59 centros educativos!!

Parabéns a tod@s!! :)